Quen coñeza a historia primixenia coa que naceu este blog, ten que saber que non foi máis que unha extensión virtual do que acontecía os Luns ás 19:30 nos estudios centrais de Radio Allariz. Colaboración musico-intelectual que o Doutor Xurxo facía nA Veleta, mítico programa que morreu fai uns anos, consecuencia de moitas cousas que non vale a pena citar. Nesa primeira colaboración lembro que fixen un breve especial sobre un instrumento que me encanta. De feito non sei como nunca merquei un, co que me gusta e co pouco que custa. Falo do THEREMIN. Electrónica musical pura, froito da tenacidade soviética dos primeiros anos, aqueles nos que o primeiro que inventase unha cacharrada nova levaría unha palmadiña na espalda de mans dalgún xerarca da URSS. Inventado polo físico Lev Serguéievich Termen (quen logo afrancesou o seu nome a León Thérémin). Produce un son moi característico, todo o mundo escoitou un Theremin. Típico das películas baratas de terror e ciencia-ficción antigas, aquelas nas que monstruos verdes asaltaban o planeta e caían namorados dalgunha rapaciña nova da costa oeste americana en plan King Kong. Os Beach Boys usaron unha adaptación particular no seu archicoñecido Good Vibrations. Existiron e existen grandes virtuosos do Theremin, quen esté interesado pode pedirme unha copia dun disco con pezas dificilísimas de música clásica interpretadas con este trebello tan friki.
FIDALGO, déixate de enerxías renovables e invéntame un destes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario